Tuesday 30 de April de 2024

Os menores de 35 anos poden optar ás axudas da xunta para a compra de vivenda en máis da metade dos concellos da Coruña


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destina este ano 1,6 millóns de euros a dúas liñas de subvención para mozos dirixidas á adquisición de inmobles en centros históricos ou concellos de menos de 5.000 habitantes

Os menores de 35 anos interesados en comprar unha vivenda poderán beneficiarse este ano das axudas da Xunta en máis da metade dos concellos da provincia da Coruña (51). A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), convocou dúas liñas de subvención específicas para mozos: unha para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes e a outra, para a compra en cascos históricos.

O prazo para presentar as solicitudes a ambos programas estará aberto ata o vindeiro 31 de outubro e conxuntamente, dispoñen dunha dotación global de 1,6 millóns de euros para a convocatoria deste ano.

Un total de 40 dos 93 concellos que hai na provincia da Coruña teñen menos de 5.000 habitantes, polo que en todos eles os menores de 35 anos interesados en adquirir unha vivenda poderán beneficiarse dunha destas liñas de subvención.

Ademais, en 12 concellos coruñeses pódese solicitar a axuda para a adquisición de vivenda en centros históricos ao estar incluídos na lista correspondente. Son, concretamente, Betanzos, A Coruña, Ferrol, Mugardos, Muros, Noia, Neda, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Santiago de Compostela e Corcubión. Este último municipio, ademais, ten menos de 5.000 habitantes, polo que neste caso concreto os interesados poderán optar ás dúas axudas.

Adquisición en centros históricos
A axuda destinada a fomentar a adquisición de vivendas en centros históricos por parte do colectivo de menores de 35 anos está dotada para este ano cun orzamento global de 800.000 euros.

As vivendas para as que se solicite a axuda deberán cumprir coas seguintes condicións:

• Estar emprazada nun centro histórico dos enumerados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se convocou esta liña de subvencións.
• Que se trate dunha vivenda xa construída, tanto nova como usada.
• O prezo de adquisición non superará ao dunha vivenda protexida de 120 metros cadrados, de réxime concertado, no mesmo concello. Se a vivenda dispón de garaxe e/ou rocho, o prezo máximo incrementarase nun 8% e nun 2% respectivamente. Isto supón que o prezo máximo dunha vivenda con garaxe e rocho na cidade de A Coruña será de 234.131 euros e no resto de concellos da provincia de 180.100 euros.

O IGVS subvencionará con ata 12.800 euros a adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos nos centros históricos das sete grandes cidades e con ata 10.800 se a vivenda se empraza na zona monumental de calquera outro concello galego. O importe da axuda non poderá superar, en todo caso, o 20% do prezo de adquisición.

Adquisición en concellos de menos de 5.000 habitantes
En canto á liña de axudas destinada a fomentar a adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por parte de menores de 35 anos tamén está dotada para este ano cun orzamento global de 800.000 euros.

As condicións que deben cumprir as vivendas neste caso son:

• Estar emprazada nun concello de menos de 5.000 habitantes.
• Que se trate dunha vivenda xa construída, tanto nova como usada.
• O prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, será igual ou inferior a 100.000 euros.

Neste caso, o importe máximo das axudas será de 10.800 euros, sen que poidan superar o 20% do custo da vivenda.

Condicións para ser beneficiario
Para poder acceder a calquera destas dúas convocatorias, os interesados deberán ter menos de 35 anos de idade na data de presentación da solicitude, acreditar a súa nacionalidade española ou que ten residencia legal no país, subscribir un contrato privado ou unha escritura pública de compra con posterioridade ao 1 de xaneiro deste ano, e dispoñer duns ingresos anuais, por parte das persoas que compoñen a unidade de convivencia, iguais ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem).

Excepcionalmente, os ingresos poderán chegar a catro ou cinco veces o Iprem no caso de familias numerosas e persoas con discapacidade.

Todos os beneficiarios destas dúas liñas de axudas para adquisición de vivenda deberán destinar o inmoble en cuestión á súa residencia habitual e permanente durante un mínimo de cinco anos desde a formalización da operación de compra.